Historia

Comezamos a nosa viaxe transformando esta antiga casa de labranza nunha pequena churrasquería que logo se convertería en tapería e que, grazas á lealdade dos nosos clientes, faríanos seguir polo mesmo camiño máis de 40 anos.

O restaurante está fortemente ligado ao nacemento do noso primeiro fillo, xuño de 1979. Un mes despois abrimos as nosas portas co nome de “Xanxo”, nome co que naquel momento non se nos permitía rexistrar ao noso fillo, polo que decidimos poñelo no Restaurante e as cousas da vida é el quen está o frente agora, Xanxo.

Pasamos por varias reformas ao longo de catro décadas, pero sempre conservando a esencia deste fogar familiar. Onde hoxe temos o comedor interior situáronse as cuadras da casa e no patio aínda se conserva unha vella pila. No “albollo” temos unha prensa que se empregaba para facer viño, froito desa vide de máis de 200 anos que hoxe serve para dar sombra no patio os días de verán.

O noso camiño hoxe é seguir ofrecendo aos nosos clientes aquelas receitas familiares que Rosalía aprendeu da súa nai, “María de Marica”,  e facelles sentir que esta tamén é a súa casa.